Saturday 18 de May de 2024

O Goberno central desestima a solicitude   de autorización do parque eólico Caaveiro    e arquiva o seu expediente


A Dirección General de Política Energética y Minas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, vén de comunicar ao Concello de Neda a desestimación da solicitude de autorización administrativa previa para o parque eólico Caaveiro, formulada no seu día por Enel Green Power España, e o arquivo deste expediente.

A resolución, con data do 3 de outubro do 2023, ten en conta a declaración de impacto ambiental desfavorable para o parque e a infraestrutura de evacuación asociada, emitida a principios de ano por outra Dirección General, a de Calidad y Evaluación Ambiental, así como a caducidade dos permisos de acceso e conexión á rede de trasporte concedidos tempo atrás por Red Eléctrica de España.

Cómpre lembrar que a declaración de impacto ambiental- informe preceptivo e determinante- concluía que o parque proxectado por Enel, de 78 MW de potencia instalada, previsiblemente causaría impactos adversos significativos sobre o medio ambiente, “sen que as medidas de prevención, corrección e compensación previstas polo promotor constitúan unha garantía suficiente para a axeitada protección do medio ambiente”.

O proxecto que incluía a instalación de 14 aeroxeneradores de entre 80 e 115 metros de altura, afectaba aos municipios de Fene, Neda, Narón, Cabanas, San Sadurniño, A Capela e As Pontes. O  Concello de Neda e veciñanza do municipio, que activou a plataforma Neda di non, manifestáronse en reiteradas ocasións contrarios a este parque eólico.